viernes, 17 de agosto de 2012

COMUNICADO LIDO NO ACTO REIVINDICATIVO DE PESQUEIRAS


POR XOSÉ LOIS GARCÍA
O 12 DE AGOSTO DE 2012

Benvidos a todas e a todos a este segundo acto cultural reivindicativo de Pesqueiras. A este primeiro encontro que organiza a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada. Os organizadores queremos que este convivio teña un carácter de toma de conciencia sobre un dos monumentos medievais mais importantes da Ribeira Sacra, como é este mosteiro románico de Santa María de Pesqueiras. Un recinto que fornece a historia e a arquitectura da nosa bisbarra, edificado en 1120, polo bispo de Lugo, Pedro III o Peregrino. Un mosteiro que acolleu unha comunidade feminina da orde de S. Bieito, desde a súa fundación até 1499, ano en que a priora, Inés de Guitián, e súas freiras foron trasladadas ao mosteiro de S. Paio de Antealtares de Santiago de Compostela. Non vamos relatar toda a crónica deste priorado, mosteiro ou igrexa, senón puntualizar varios temas de illamento e depredación en que se atopa este mosteiro declarado monumento nacional no 1950. A partir desta data pasou por moi diversos avatares e, a partir de 1969 en que foi pechada ao culto, pola consagración da nova igrexa edificada no espacio poboacional de Pesqueira. Este monumento arquitectónico, simbólico e de peregrinase ficou en silencio permanente. Un silencio que nunca tivo en seus 900 anos de existencia, dado que por diante deste templo pasaba o chamado camiño real da Barca de Porto, camiños ribeiraos onde os nosos viñateiros transcenderon nese ora et labora cotián. Aquí houbo convivio devocional ao redor da imaxe románica de Santa María, padroeira desta parroquia e desaparecida o 28 de agosto de 1999. Pero non todo foron desgracias para este mosteiro de Pesqueiras, a fábrica pétrea a vemos en bo estado, as pinturas renacentistas están restauradas, proclamando viveza existencial dun pasado portentoso.

Unha arquitectura e unhas pinturas que atraen a moitos  estudiosos da arte e contempladores de imaxes espirituais. Teimosos visitantes que se perden por uns itinerarios que non están sinalizados. Velaquí o primeiro matiz das nosas reivindicacións. É imposíbel chegar aquí por estes camiños de ribeira, onde os autos entran con inmensas dificultades. Este é o noso segundo matiz reivindicativo, contar cuns accesos viábeis capaces de non entorpecer a quen busca este recuncho natural onde tanto se enfatizan as particularidades arquitectónicas e simbólicas que ofrece este mosteiro de Pesqueiras. O terceiro matiz reivindicativo é a iluminación da nave e do presbiterio. Sen a electrificación interior deste conxunto, nen as pinturas nen o resto da iconografía poden ser dignificadas, observadas e estudiadas. Nesta cuestión, a carencia de puntos de luz non facilita a dimensionalidade das características propias que manifesta o románico deste templo. Non se concibe que aquí enfronte está unha das maiores productoras de quilovatios, como é o salto de Belesar que tódalas noites ilumina eses bloques de cimento e non dignifiquen un monumento memorial como é a igrexa de Pesqueiras. 

Matices, os sinalados, simplifican unha observancia crítica por parte da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, priorizando estas tres cuestións que reiteramos: correcta sinalización, accesos viábeis e iluminación interior. Sen aínda engadir, visitas guiadas e un libriño sobre a historia, a arquitectura e o simbolismo que transcende neste espacio.

Nestas prioridades, queremos remitirnos, en primeiro lugar, aos representantes da Igrexa aquí presentes, como propietaria deste templo para facer un esforzo que dignifique o noso pasado histórico. Un esforzo de coordinación con estamentos e institucións capaces de dar un xiro a esta situación da que falamos. Para que todos nós, nun tempo non lonxincuo, cambiemos a expresión coloquial de D. Quixote: “Con la Iglesia hemos dado, querido Sancho”. Por esta outra tamén coloquial: na Igrexa atopamos solucións para superar problemas que ten este mosteiro.

Pero non só a diocese debe resolver estes problemas, tamén a Xunta de Galicia, na que se ubica Patrimonio, ten responsabilidades no dicir e no facer, con relación ás cuestións que estamos plantexando. Sen dúbida a Deputación provincial, tamén ten moito que dicir e facer. O mesmo o Concello de Chantada. Neste caso, podemos dicir que o arquitecto do Concello, D. Juan García Pérez, con data de maio de 2012, realizou un estudio, titulado: “Memoria valorada das obras de acondicionamento e sinalización da pista de acceso á igrexa de Sta. María de Pesqueiras”. Coidamos que é un soporte fundamental e prioritario para apoiar este proxecto por parte das administracións mencionadas e por parte da institución eclesiástica.

 Foto: Beatriz Pérez©

Por este motivo estamos hoxe aquí, nun acto onde o espírito e a materia se conxugan. Seguiremos realizando estes actos até que se normalice a situación do mosteiro de Pesqueiras. O noso deber é puntualizar temas para suxerir ás institucións que procedan, arranxar situacións extremas, como son os tres temas contemplados: sinalización, accesos viábeis e instalación de luz eléctrica.

Autoridades eclesiásticas e civís, donas e señores moitas grazas por este encontro tan vivo como emotivo.
                
XOSÉ LOIS GARCÍA