martes, 7 de agosto de 2012

ACTO NA IGREXA ROMÁNICA DE PESQUEIRAS


XOSÉ LOIS GARCÍA

Pinturas da Igrexa de Pesqueiras

A Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, realiza unha convocatoria para a celebración de actos que se celebrarán o domingo día 12 ás seis da tarde, na igrexa de Santa María de Pesqueiras (Chantada). Un acto cultural e reivindicativo dun espazo medieval, onde a arquitectura románica e a paisaxe de soutos, devesas e viñedos, nos rentes do río Miño, determinan sosego e beleza, determinando conservación dun dos recantos mais encantadores da Ribeira Sacra.

No cartel de actividades que se ofrecen para o vindeiro domingo día 12, están dúas particularidade musicais como son O Trícole de Sober e os protagonistas d’A Quenlla, Mini e Mero. Recital poético a cargo do poeta portugués, António José Queirós, Manolo Regal Ledo e Olga Porral; representarase unha obra teatral, titulada: “Auto do demo e da viñateira”, a cargo de Clara Vázquez e Chico Carballido, misa concelebrada, intervención da artista Ana Sastre e lectura dun manifesto.

Un manifesto sobre a situación anormal do enclave, sobre os accesos e sinalizacións, e, sobre todo, da iluminación deste templo, que conta cuns murais pictóricos renacentista, recentemente restaurados que precisan de luz para ser observados dignamente como merecen centos de visitantes que acoden a este lugar cada ano, sen accesos e sen sinalizacións.

Acto do pasado ano na Igrexa de Pesqueiras

O pasado ano celebrouse un acto bastante voluntarista por parte dos amigos da igrexa de Pesqueiras. Daquel acto xurdiu a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada que é a que organiza esta convocatoria e conforma estes actos nos que colaboran a Deputación de Lugo, Vicepresidencia Primeira, e o Concello de Chantada. A estes actos estarán presentes representantes da Diocese de Lugo, da Xunta de Galicia, da Deputación de Lugo e do Concello de Chantada.