jueves, 16 de agosto de 2012

ECOS DO ROMÁNICO: APARICIÓN DA VIRXE DE PESQUEIRAS!


XOSÉ LOIS GARCÍA

O pasado domingo día 12, a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, programou todo un continxente de actos reivindicativos para salvar do illamento e marxinación ao monumento románico de Santa María de Pesqueiras, en Chantada. Un mosteiro bieito de freiras que o foron enriquecendo con exquisita ornamentación no románico pleno. E que tivo voz propia na sobriedade e rigor que ostenta. Nestes momentos, as súas pedras saben gritar no reclamo de auxilio en seu abandono. Unha chamada certa a onde peregrinaron cantidade de persoas vindas de varias xeografías de Galiza. Naquel recuncho namorado oíron a mensaxe das pedras e dos frescos pictóricos; concertada coa música de Mini e Mero, do Trícole de Sober e do gaiteiro Raúl Galego. Tamén a voz poética resoou nesa acústica pétrea na que nada se desperdicia, na voz de António José Queirós, Manolo Regal e Olga Porral. Tamén a teatralidade, conducida por Clara Vázquez e Chicho Carballido, conseguiu seu clamor e o aplauso dese público que concorreu e encheu de entregas e plenitudes o templo, e, tamén, de aspiracións para que ese espazo monumental e natural teña un respiro nos arranxos de súa normalización, que pasa por accesos viábeis, sinalización e luz eléctrica. Tres elementos básicos para que este monumento saia de seu illamento.
Foto: Beatriz Pérez ©
Adro da igrexa de Pesqueiras

                              Foto: Beatriz Pérez ©
Interior da cabeceira iluminado para a observación das pinturas murais 

O clamor deixouse sentir en varias ocasións, mesmo cando se descubriu unha réplica da imaxe da desaparecida Virxe de Pesqueiras, obra da escultora Ana Sastre, que moitos dos presentes coidaron que a anterior tiña aparecido. Unha señora maior que xa nopn acreditaba nas aparicións puido exclamar: “Apareceu a Virxe, quen a tiña escondida”. Outra señora da parroquia articulou palabras de sorpresa para comentar: “Milagre! Por fin, o ladrón arrepentiuse e devolveuna”. A réplica de Ana Sastre está tan axustada á realidade que fixo posíbel remontarse ás semblanzas da orixinal do século XII. Unha imitación moi conseguida, despois dun ano de traballo permanente. Un verdadeiro milagre por parte da escultura, que fixo crer no milagre a moita xente.

A misa concelebrouse cos cregos Alfonso Blanco Torrado á fronte, Xesús Mato e Xosé González Hermida. Un xerador propiciou dar a luz necesaria para iluminar a nave e o presbiterio e, sobre todo, as pinturas renacentistas que promoven varios escenarios bíblicos.

Foto: Beatriz Pérez ©
A artista Ana Sastre xunto a Xosé Lois García

A presencia do director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o alcalde de Chantada, ocasión en que os membros da dita Asociación manifestaron as peticións reivindicativas programadas. Un acto que durou preto de tres horas e no que se escoitaron varias intervencións de reivindicación e protesta, fai que as autoridades con competencia no tema deben estar atentos e dar resposta a un clamor que se está agrandando, por medio dunha toma de conciencia que eximirá que Patrimonio non continúe mudo nen persevere en silencio administrativo.