ECOS DO ROMÁNICO. Por Xosé Lois García


APARICIÓN DA VIRXE DE PESQUEIRAS!

XOSÉ LOIS GARCÍA

O pasado domingo día 12, a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, programou todo un continxente de actos reivindicativos para salvar do illamento e marxinación ao monumento románico de Santa María de Pesqueiras, en Chantada. Un mosteiro bieito de freiras que o foron enriquecendo con exquisita ornamentación no románico pleno. E que tivo voz propia na sobriedade e rigor que ostenta. Nestes momentos, as súas pedras saben gritar no reclamo de auxilio en seu abandono. Unha chamada certa a onde peregrinaron cantidade de persoas vindas de varias xeografías de Galiza. Naquel recuncho namorado oíron a mensaxe das pedras e dos frescos pictóricos; concertada coa música de Mini e Mero, do Trícole de Sober e do gaiteiro Raúl Galego. Tamén a voz poética resoou nesa acústica pétrea na que nada se desperdicia, na voz de António José Queirós, Manolo Regal e Olga Porral. Tamén a teatralidade, conducida por Clara Vázquez e Chicho Carballido, conseguiu seu clamor e o aplauso dese público que concorreu e encheu de entregas e plenitudes o templo, e, tamén, de aspiracións para que ese espazo monumental e natural teña un respiro nos arranxos de súa normalización, que pasa por accesos viábeis, sinalización e luz eléctrica. Tres elementos básicos para que este monumento saia de seu illamento.
Foto: Beatriz Pérez ©
Adro da igrexa de Pesqueiras

                              Foto: Beatriz Pérez ©
Interior da cabeceira iluminado para a observación das pinturas murais 

O clamor deixouse sentir en varias ocasións, mesmo cando se descubriu unha réplica da imaxe da desaparecida Virxe de Pesqueiras, obra da escultora Ana Sastre, que moitos dos presentes coidaron que a anterior tiña aparecido. Unha señora maior que xa nopn acreditaba nas aparicións puido exclamar: “Apareceu a Virxe, quen a tiña escondida”. Outra señora da parroquia articulou palabras de sorpresa para comentar: “Milagre! Por fin, o ladrón arrepentiuse e devolveuna”. A réplica de Ana Sastre está tan axustada á realidade que fixo posíbel remontarse ás semblanzas da orixinal do século XII. Unha imitación moi conseguida, despois dun ano de traballo permanente. Un verdadeiro milagre por parte da escultura, que fixo crer no milagre a moita xente.
 
A misa concelebrouse cos cregos Alfonso Blanco Torrado á fronte, Xesús Mato e Xosé González Hermida. Un xerador propiciou dar a luz necesaria para iluminar a nave e o presbiterio e, sobre todo, as pinturas renacentistas que promoven varios escenarios bíblicos.

Foto: Beatriz Pérez ©
A artista Ana Sastre xunto a Xosé Lois García

A presencia do director xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o alcalde de Chantada, ocasión en que os membros da dita Asociación manifestaron as peticións reivindicativas programadas. Un acto que durou preto de tres horas e no que se escoitaron varias intervencións de reivindicación e protesta, fai que as autoridades con competencia no tema deben estar atentos e dar resposta a un clamor que se está agrandando, por medio dunha toma de conciencia que eximirá que Patrimonio non continúe mudo nen persevere en silencio administrativo.      



Polo románico da Ribeira Sacra

As incontinencias do desastre do románico da Ribeira Sacra débese á falta dun proxecto coherente por parte do Patrimonio da Xunta de Galicia que trate, minimamente, de normalizar o que aínda queda da fábrica orixinaria románica, que en moitos casos está en bo estado e que compre un mantemento serio e actualizado capaz de diminuír os riscos das ameazas dunha depredación moi seria.

A Ribeira Sacra luguesa –da cal falo- non só ten viño, que como elemento comercial tanto se evoca e difunde, ou a paisaxe, fundamental en ambas beiras do Miño e do Sil, o románico forma parte fundamental da producción vinícola e das paisaxes que foron conformadas por iniciativa dos mosteiros e igrexas románicas que bordean esa ampla conca dos mencionados ríos. Esa interrelación, entre estes tres elementos básicos son hoxe o fundamento de moitas atraccións á nosa ribeira que transcende en motivacións que o románico inspira. O volume de visitantes é cada vez maior e pode que cada vez atópense mais desatendidos estes monumentos, aínda que un dos temas solventados son os das guías que transcenden nos ámbitos de Pantón, Sober, Saviñao e Chantada, que están realizando un papel importante na descuberta da historia, da arquitectura e da simboloxía e noutras claves indicativas do patrimonio material e inmaterial.

Un esforzo necesario para descubrir tantos séculos de tebras que escurecen o románico da Ribeira Sacra e non só. Unha esperanza na toma de conciencia para recuperar outro ritmo e outra eficacia ben distinta a que se marca desde outros ámbitos administrativos. Mais con estes andares e avatares ten que xurdir un proxecto reivindicativo, capaz de orientar un traballo que priorice unha serie de matices e concreten o estado de depredación de moitos templos que están nos enclaves do Miño e do Sil, carentes dun estado de conservación que teña indicativos de coherencia para salvar a estes monumentos dunha destrucción fatal.

Neste contexto, podemos mencionar na marxe dereita do Miño, o mosteiro de Pesqueiras (Chantada), nun estado de conservación medio, con pinturas renacentistas recuperadas e con falta de accesos, de iluminación e a falta de sinaleiros para chegar a este enclave. Non se pode propagar aos catro ventos este monumento cando ten estas necesidades que bloquea as aspiracións dos que alí queren chegar. San Salvador de Asma, (O Convento) con esa iconografía do románico pleno, vemos que a parte sur está completamente anulada por circunstancias que trouxo a Desamortización. Continuando por esa banda dereita, chegamos a Nogueira de Miño, con pinturas góticas que o Patrimonio do Bipartito comezou a restaurar, cando chegou á presidencia da Xunta o Sr. Feijóo foi suspendida e aí están agardando continuar o proceso,Secula seculorum. Chouzán e San Xoán da Cova, no municipio de Carballedo, con corredoiras moi difíciles de acceder a estas igrexas románicas, son outros dos puntos que priorizan desfeita.

Na banda esquerda do Miño, temos que cuantificar esa depredación en San Estevo de Ribas de Miño, nesa arcada mateana apreciamos a ruptura dos arcos do frontis, quizais por un movemento sísmico, que leva anos pedindo auxilio sen que Patrimonio se entere. O mais escandaloso é a igrexa de Diamondi, con esa casa rectoral do século XVIII adosada a templo, que moitos se empeñan en chamarlle palacio, esa fachada derrubouse, xa vai para tres anos, e ninguén se pon de acordo para restaurala ou derrubala. A tal finura de decadencia tapárona cun enorme lona azul que se observa desde varios puntos da comarca de Chantada. Un grande escándalo diante dun dos monumentos mais visitados de Galiza seu estado de decadencia magoa sensibilidades. Aquí móstrase o pudor que hai por quen rexe organismos que deben tutelar tecnicamente o proceder de mantemento. Diamondi é unha mostra ben clara do que acontece co noso románico noutras xeografías de Galiza.

Galicia Hoxe, 4 de xuño de 2012.


SAN SALVADOR DE ASMA (O CONVENTO)
UN MOSTEIRO AGREDIDO
XOSÉ LOIS GARCÍA

Dunha maneira oficiosa, onde a palabra ergueita e auxiliadora, a música e a poesía,  faranse oír o próximo sábado día 26 de maio no interior do templo de San Salvador de Asma.  Ese milenario monacato e mais tarde mosteiro bieito,  engrandecido con esa arquitectura románica que aínda exhibe o mellor de seus portentos nesas abreviadas iconografías que manifestan a grandeza da escola estilística do románico pleno do mestre Estevo. Alí estaremos para escoitar unha abreviatura histórica que disertará Juan Manuel Sobrado e, tamén, unha guía da nosa asociación fará varios indicativos sobre este monumento degradado por tantas agresións cometidas desde a Desamortización de Mendizábal.


Foto: © Begoña González
Frontis da igrexa de San Salvador de Asma

No intre en que a comunidade bieita deixou de existir e a casa dos monxes pasa a un poder ben particularizado, ou civil, aínda que os incívicos donos o depredaron a seu xeito e en plena liberdade e aleivosía, precintando a porta sur, ou do mediodía, deixando escurecido e anulado un dos tímpanos mais importantes da estética e da simboloxía de Galiza, como son eses dous leóns híbridos en loita e con cabeza de oca. Así como os capiteis fitomórficos e zoomórficos que constitúen un dos mellores logros da grandeza románica de principios do século XII.

Ese asentamento visigótico que deu transición ao románico e que tivo baixo seu dominio suculentas terras, onde foron fecundando numerosas comunidades das terras amplas do Asma. Sen este mosteiro e súa comunidade, a actual Chantada non existiría no espazo que hoxe coñecemos, nen unha serie de connotacións históricas, culturais e estructuras económicas que se deron sen este centro eclesiástico de fecunda resonancia e de altiva atracción para o que hoxe representa certa decadencia; escura desfeita do que non podemos permitir certos absentismos, comezando polo Patrimonio da Xunta de Galicia que permite que a porta sur e toda a parede, onde na cornixa debrúzase toda unha colección de modillóns iconográficos que moi poucas persoas coñecen, por culpa dos que teiman  de non consentir que esa murada que é da igrexa non haxa acceso a ela.


 Foto: © Begoña González
Cabeceira da igrexa de San Salvador de Asma

 Por tanto, desde 1837 o escurantismo e o secuestro desa parte tan única como fundamental para integrala ao resto do exterior como do interior deste templo,  para manter vivo ese conxunto arquitectónico. Isto supón un traballo que se concibe desde a preocupación da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, enmarcado en moitos contextos e perfís que San Salvador de Asma precisa de programar e denunciar consabidas depredacións. Estamos seguros que a asociación en solitario pode facer pouco, sen a motivacións dos fregueses do Convento, a xente que ama este monumento por tantas circunstancias. Sabemos que hai sensibilidade por parte da Asociación de Veciños do Convento e que ten efectuado traballos e trámites para que o antigo mosteiro fose reparado.

Por estes reparos iremos a San Salvador de Asma a integrar e conxuntar forzas e, sobre todo, manifestar que xa non é permisivo que o Patrimonio da Xunta silencie tanta evidencia de desfeita agresiva, cando unha parte importante deste mosteiro, sen dúbida a mais importante, continúe anulada. Por esta e outras circunstancias, estaremos no Convento para lexitimar esa reivindicación de que este templo normalice a súa integridade singular. E o faremos coa palabra, coa historia, coa contemplación da arte que se nos ofrece, con sons musicais e no eco da poesía e, tamén, cos pareceres de quen participa e anima a non deixar morrer o noso patrimonio.   



O ROMÁNICO DOS ENCOROS DA RIBEIRA SACRA
NA ESCRITA DE NICANOR RIELO CARBALLO
XOSÉ LOIS GARCÍA

Está na nosa memoria unha persoa moi especial, Nicanor Rielo Carballo (1932-2000), crego dos Peares e condutor dunha magna obra na que reconstruíu boa parte da historia do concello de Carballedo, publicando libros e artigos, todo un contributo impagábel  que a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, tenta recoñecer o seu labor por medio dunha homenaxe que realizaremos no presente ano en Castro de Carballedo, co fin de repoñer unha das figuras senlleiras da cultura local deste municipio do Sur da provincia de Lugo, que aportou tantas descubertas e tendo como particular a divulgación do románico da Ribeira Sacra. Nicanor é merecente dunha homenaxe nas terras en que tanto traballou, durante tantos anos de permanencia nos Peares. Despois de seu pasamento, recibiu recoñecementos e homenaxes que contribuíron a esclarecer a persoa e a obra de Nicanor.  Carballedo ficou á marxe deses actos, tema que vamos a retomar para recoñecer o traballo de investigación que nestas terras realizou con profunda intensidade.



Na homenaxe que a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, no seu voceiro, servidor publicou no 2002 o seguinte traballo sobre Nicanor, que reproducimos:

“O 9 de xullo de 1964, o crego dos Peares, Nicanor Rielo Carballo, publicou en “El Progreso” de Lugo un artigo, titulado: “El Embalse del Románico”. Acompañado dun itinerario-mapa do encoro dos Peares, no que aparecen as seguintes igrexas románicas situadas na marxe dereita do río Miño: O Salvador de Asma (O Convento), Camporramiro e Nogueira, nas terras de Chantada. Chouzán, Cova e Oleiros nas terras de Carballedo. Na marxe esquerda están suxeridos os templos románicos de San Estevo de Ribas de Miño, Diomondi, Fión e A Cova, no concello do Saviñao. No de Pantón, Atán.

Mais este seu artigo sinala outros itinerarios polos encoros galegos, deixando sentir o seu coñecemento e predilección polo románico da Riboira Sacrata, que se configura non ríos Sil e Miño. Será neste entorno onde realicemos a nosa andaina guiados pola axuda indispensábel de Nicanor Rielo Carballo que nos revela, principalmente, na revista “Kilovatio”, publicada por FENOSA. Estas colaboracións tan certas e puntuais, sobre o románico dos encoros, marcan unha novidosa manifestación tanto no coñecemento como na divulgación destes monumentos que aderezan ese delicado espazo do curso dos ríos Miño e sil.

Estas colaboracións que Nicanor publicou en “Kilovatio”, ano tras ano, están tuteladas polo subtítulo: “Rutas del Románico”. Mais unha das primeiras está subtitulada como “Rincón del Espírito” e co título xenérico de: “Señora Nuestra”, que lembra aos escultores do medievo (señoreados polo anonimato) que modelaron esas imaxes da Virxe María. Esas matronas estáticas e custodiando no regazo ao neno Xesús.

 Foto: © Xosé Lois García
Talla románica da Virxe de Pesqueiras

Neste artigo faise referencia á modélica talla da Virxe de Pesqueiras (Chantada) que presidiu o vello mosteiro das toquinegradas (nome medieval que se lle deu as freiras bentas) desde a súa consagración no 1120. A Virxe de Pesqueiras, que aínda Nicanor ollou no presbiterio románico, desapareceu a noite do 28 de agosto de 1999, co incendio da capela de Soilán, onde se atopaba. Ou ben o incendio serviu de coartada para roubar esta apreciada talla, tan emblemática no escenario artístico local e no devocionario popular.

Unha imaxe que eu, particularmente, tíñalle benquerenzas desde que me levaron de neno para pasar nove veces debaixo das súas andas. A finalidade era que os rapaces tangarañeiros tivésemos familiaridade cos espíritos benéficos. Nesta imaxe estaba referenciada toda unha cultura popular que os ribeiraos, con persistente celo, continuaron a tradición herdada dos nosos devanceiros. Neste contexto, o artigo de Nicanor preséntanos esa afiliación de estar ao redor dunha estática e solemnizada talla románica visionando o futurismo nun ceo con mais porvir que unha terra cargada de pestes, tributos e señores feudais.

Neste recuncho de ribeira, liberado nese ámago silencio, as fervenzas do miño, en son e ritmo de sacra melodía, ofrendaban súas telúricas notas á Virxe de Pesqueiras. Ás que temos que sumar aquelas oracións caladas dos devotos parroquianos e dos de San Fiz, Merlán e Sabadelle, que no seu ir e vir dos labores viñateiros deixaban unha oración ou somentes un silencio conmovedor. Como moi ben di Nicanor:

Cuando Hohán de Requeixo subía trovando al monte Faro, otros chantadibnos bajaban a los sucalcos del Miño, donde las momjas benedictinas cantaban su salmodía diaria a Nuestra Señora”.

E neste espazo inicial do encoro de Belesar comeza Nicanor a súa inagotábel e incomparábel andanza á procura deses promontorios de pedra románica que nos falan de mil maneiras aos nosos sentidos.

Noutro artigo de “Kilovatio” rolda por Pesqueiras para falarnos da historia eclesiástica e desdobrando ese nítido románico pleno con esas inconfundíbeis sinais de identidade do que mais tarde sería a escola compostelán do mestre Mateo.

O vello priorato de Pesqueiras produciu en Nicanor unha encantadora atracción que manifestou no referido artigo:

“Las salmodías que entonaban hace centurias las monjas resuenan todavía en el silencio de la historia, una historia que aquí se palpa aun cercana a nosotros como queriendo testimoniar el ser y la esencia de tiempos pretéritos”.

 Foto: © Xosé Lois García
Igrexa de Santa María de Nogueira

Sen deixas este encoro de Belesar e continuando o roteiro trazado por Nicanor cara a Portomarín, non fai ningunha alusión en “Kilovatio” á igrexa románica de San Vitorio de Ribas de Miño, non moi lonxe de Pesqueiras e xa na banda do Saviñao. Portomarín ben mereceu dous artigos sobre as igrexas de San Xoán e a de San Pedro. Aquí esboza o temario histórico e arquitectónico atraído por ese formato referenciado na escola de Mateo. A Nicanor encantábanlle eses coros polifónicos de músicos petrificados que custodian os tímpanos frontais. Este tema é tratado con delicado interese e dun xeito pedagóxico e divulgativo, potenciando ao visitante para que contemple con dignidade esa perfección arquitectónica que nos convida a non esquecer a eses artífices tan perfectos e conmovedores como foron os mestres de obras da arte sacra medieval.

Voltemos a esa fenda telúrica dos Peares, que don Ramón Otero Pedrayo chamou Bocarribeira, onde o Miño quedo e repregado neste silencio que lle impuxeron os muros de formigón, mesmo onde FENOSA erixiu a capela na que tentos anos desenrolou Nicanor o seu ministerio. Desde aquí, río acima e moi próximo deste espacio atopamos o antigo mosteiro de freiras beneditinas de san Xoán da Cova que no 1951 foi abicada noutro lugar, non lonxe do orixinal, para evitar que as augas o asolagasen. 

Nesta ocasi´pn volve a ese considerandum de loar a historia e a arte nunha das paisaxes mais conmovedoras da Ribeira Sacra. Un espazo emancipado por aqueles anacoretas e cenobitas que fixeron mo0rada espiritual e panteísta na inmensidade desta paisaxe. Aquí foi onde Nicanor comeza a testemuñar a sobriedade e o rigor do románico, apreixado nesa fenda por onde o Miño barullento e profético exalta a súa mensaxe de santidade por estes agrestes rochedos esculpidos á medida dos espíritos libres.

Así é a Cova, chantada no cumial dun cómaro, axexando as ribeiras de Pantón, onde nunha pequena chairiña cuberta de vides e cruzada por minúsculos regos de fonteiriñas ergueron a igrexa de Santo Estevo de Atán. Aquí estivo Nicanor resucitando historias de cenobitas que deixaron a súa marca nesas celosías visigóticas para particularizar unha identidade eclesial que configurou a peculiar organización da parroquia ou freguesía, constatada nunha articulación cultural, demográfica, económica e xurídica. O noso microcosmos conceptuado desde o lado relixioso, creando historias particulares que configuran a historia integral de Galiza.

Voltando de novo á marxe dereita do río Miño, nas ribeiras de Carballedo e non lonxe da Cova, o noso guieiro introdúcenos noutro centro cenobítico que no século XII deu paso á comunidade beneditina de Santo Estevo de Chouzán. Un mosteiro fundado á beira do Miño que polos mesmos motivos que o da Cova foi trasladado ao lugar actual.

Nicanor, no seu roteiro polo románico dos encoros desvélanos de Chouzán unha serie de sucesos polos que pasou esta comunidade relixiosa debido ás turbulencias sociais e económicas do medievo, cando o cabaleiro chantadés, Vasco Gómez das Seixas, usurpou terras e privilexios monacais. Ou o desasosego daquelas freiras non acataron a orde dos Reis Católicos de ser trasladadas a San Paio de Antealtares, en Compostela.

Mais enriba de Chouzán, o catador do románico chega a Santa María de Nogueira de Miño e, obrigatoriamente, repousa o corpo e pousa a ollada, desde a igrexa románica,  nas viravoltas do Miño que conforma a península chamada Cabo do Mundo. As retinas ben merecen un repouso despois de observar tantas imaxes desta paisaxe que estimula o espíeito. Mais un non pon freos aos estímulos e praceres con que se nos ofrendan estas paraxes tan suxerentes como panteístas. Na igrexa un espreita as cubas de viño nos modillóns románicos, ou esas troitas e anguías esculpidas con solemnidade na cornixa, como se esta fose a medida xusta do roteiro do Miño.

Chámanos a atención a crónica de Nicanor sobre as súas vivencias e as convivencias coas xentes do lugar e co párroco, cando di:

“Como el motivo que me conduce hoy hasta esta geografía insólita es la monumentalidad de su iglesia románica, me veo obligado a golpear en el aldabón de la puerta del cura. Sorprende que la rectoral aparezca como un edificio de reciente construcción, cuando se sabe que la mayor parte del clero rural vive en vetustas casonas desprovistas de comodidade y las lamentaciones jeremíacas porque delante tenemos, abriendo de par en par el vestíbulo de su acogedora vivienda, a don Pegerto, que con eñl nombre basta para presentarle. En toda la comarca se le conoce y se le respeta, y uno que se considera viejo amigo, sabe de sobra acerca de la hospitalidad que le caracteriza. Es algo así como el gentil mesonero que, más que agudo comerciante, termina siendo compañero de camino, guía ameno y agradable conversador”.

Constato absolutamente este retrato dun crego como don Pegerto –que agora xa non exerce de crego en Nogueira, por enfermidade-, cargado de humanidade e solidario con todos. É verdade que antes de abrir a igrexa abría a súa casa na que sempre había algunha dádiva que esta ribeira produce. Pola fresca de agosto eu gostaba de ir a Nogueira e nese adro do igrexario, que ademais sirve de cemiterio e miradoiro, conversaba sobre o mais aquí e o mais alá con don Pegerto, á sombra desas paredes románicas cargadas de símbolos que sempre nos gratifican cun ensino íntimo.

Neste sentido, Nicanor fai un delicado comentario que nos aproxima á verdadeira utilidade espiritual e material da iconografía románica de Nogueira, cando di:

“Los capiteles del arco fajón muestran la capacidad imaginativa de los canteros, que han querido plasmar en la piedra escenas de la vida familiar, en las que el asistente a los oficios litúrgicos podía evocar el sentido de las enseñanzas religiosas. No se cansa uno de admirar el contenido pedsgógico que alcanzó la arquitectura románica en la comunicación del mensaje. Un publico iletrado y sencillo podía captar en los jeroglíficos pétreos la serie de verdades y conceptos de una catequesis fundamental. No había entonces imagen fotográfica o televisiva, pero contaban con la plasticidad que impone una superficie modelada”.

Deixamos Nogueira sen antes dar unha ollada a ese castro altivo que se debruza sobre o Cabo do Mundo e o río Miño feito á medida do repoboador destas ribeiras, o bispo Odoario, no século VIII e do bispo Pedro III O Peregrino, que no século XII  articulou a segunda repoboación de socalcos e baceliños en mistura con esa arquitectura románica, tan auténtica como suxerinte.

 Foto: © Xosé Lois García
Santo Estevo de Ribas de Miños

 Continuando o ascenso do encoro dos Peares, por terras de Chantada, tocamos a seu fin no viaduto de San Fiz. Mesmo aquí, albiscamos o enorme rosetón do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño que absorbe a curiosidade a calquera viandante. Unha vez apreixados por este enorme promontorio pétreo, harmonizado e señoreado pola paisaxe, entramos na impresión que nos deixou Nicanor  en “Kilovatio”:

“La iglesia de San Esteban de Ribas de Miño, monumento que por sí solo atestiguaría el esplendor  de un estilo y la grandeza de toda una época, se yergue como atalaya en las estribaciones que sirven de ascensión a la comarca del Saviñao. Al estilo de cualquier bodega del país, en un recorte de terreno a manera de escalón, se plantan sus muros y las cenefas de su rosetón imitan los varicuetos de los carriles o senderos lugareños que cual los Codos de Belesar se retuercen para poder engullir la pendiente”.

Recrear a ollada neste mítico rosetón e no pórtico onde podemos imaxinar que eses sete músicos dedícannos un Laudemus ou un Salmo sapiencial, como no pórtico da Gloria, Portomarín ou Carboeiro. A marca xenuína dos canteiros da escola do mestre Mateo repítese aquí con enorme énfase artístico e simbólico. A sorpresa de Nicanor –sospeitamos- foi tan enorme que entre admiración e reflexión deixounos, igual que o fixera en Nogueira, varias interpretacións, ou polo menos certos achegamentos e insinuacións que el intuíu sobre a simbólica dos diversos iconas. A pesar do que el me manifestou en certa ocasión de que a simboloxía románica non era o seu forte, mais nos deixou sobre esa coral de músicos petrificados esta interpretación tan persoal como simpática:

“El hombre que maneja el centro del arco maneja un redondel a manera de bombo; nosotros lo identificaríamos de buena gana con la bateria de nustras rondallas. No conversa con nadia, quizá porque se lo sabe de memoria y ademas tiene que infundir a los otros el peso de directos”.

Desde Acova abrimos ruta á procura do verdadeiro espazo da antiga Riboira Sacrata, no Sil, onde os eremitas a cultuaron e nestas agrestes paisaxes que conforman o canón deste río, onde o encoro de San Pedro creou ese remanso de augas silenciadas, mesmo fronte a Pombeiro. Buscamos este lugar na fermosa terra de Pantón que se conforma nunha especie de península que deseñan o Miño e o Sil. Mais sen antes visitar, dado que nos ven de camiño, o antigo mosteiro de Eiré e o mostero das Bernardas en Ferreira (capital do concello pantonés). Dous monumentos que nos convidan a interminabeis suxerencias e reflexións.

En San Vicente e Pombeiro deixámonos guiar por Nicanor que nos instrúe coa historia que se xerou rente a este mosteiro e tempera en galego, o noso idioma, a súa ruta. Danos a entender que “os tempos son chegados”, como dicía Pondal ou testemuñaba Camões: “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades”, Así é como Nicanpos aproveitaba a conxuntura reivindicativa e comeza a escribir en galego as súas rutas do románico en “Kilovatio”, esa publicación elitista que chegaba a tódolos fenosos.

Desde este tempero galego abrimos camiño, tendo en conta os indicativos xeográficos e históricos que nos di sobre Pombeiro:

“As terras da orela dereita repártense entre as freguesías de San Xohán da Moura e Santo Estebo  do Sil. Tanto por unha banda como pola outra poderíamos pararnos e facer historia de calquera ermida ou paraxe, pero hoxe vamos a fixarnos na eirexa mosteiral de Pombeiro, unha das poucas casas que os cluniacenses tiveron en Galicia”.

Despois de rendernos ante a historia, un tenta ir a Santo Estevo de Ribas de Sil, que ollamos desde Pombeiro en liña recta e non moi lonxe daquí. Mais o gran canón fainos dar o arrodeo pertinente para acadar este lugar. A procura da outra banda do Sil, un desanda camiño e chega a Ferreira para entronizarse nas terras de Sober e ir ao miradoiro de Bolmente, mesmo no canón ollamos á nosa fronte Santa Cristina de Ribas de Sil e, tamén, aproveitaremos a ocasión para ollar os excelentes formatos románicos de Pinol e Lobios, sen antes ir ao miradoiro e santuario da Nosa Señora da Cadeira. Buscando a ruta axeitada para cruzar o Sil, por Doade de Sober e pasar a Abeleda de Castro Caldelas chegamos a Santa Cristina, no medio dun gran silencio marcado polas augas sosegadas e pola maina ventoeira da canícula que non bate nas follas dos frondosos e milenarios castiñeiros. Tamén observamos esas pedras milenarias e feridas polo arrouto popular, da mal entendida desamortización de Mendizábal.

Mais o texto que nos deixou Nicanor remítenos a esa frecuencia de silencio que nos comprace neste telúrico, mítico e histórico recuncho, cando  subliña:

“Nun diste currunchos, un souto de castiñeiros retortos polos anos e polo traballo, escóndese o mosteiro de Santa Cristina do Sil, solitario como un perdido anacoreta. Alí nin hai casas nin sitio para elas, non hai hortos nin labradíos, non se ven agros nin lameiros, porque en verdade está nunha encosta laxenta que cae súpeta de cara ó río. De entre tódolos emplazamentos de mosteiros que eu coñezo en Galicia, non dudo que sexa este o mais isolado e escondido. O frade que elixiu o sitio puido quedar enteiramente satisfeito e seguro de que alí non lle iban a cegaren tentaciós do primeiro dos enemigos do home, que é o mundo”.

Mais deixemos levarnos por Nicanor, o noso guía e mestre, para entrar neses perfís estéticos que loan o sagrado e que a el foron os que mais o cativaron, sinalando:

Nun recanto onde os horizontes carecen de medida por mor da espesura da vexetación e da falta de chan, non é doado percibir o feitizo e armuñía do frontis, que solprende se un se para e analiza os diversos elementos, que pertenecen a un románico de transición, emparentado sen dúbida co que se ve en Santo Estebo de Ribas de Sil, salvada a diferencia que supón o  grandor dunha e doutra eirexa e coa carencia dun dato tan revelador  como sería a fachada de Ribas de Sil, que se sustituíu por outra de tipo barroco”.

A Santo Estevo chegamos compracendo así a nosa teimosía desde que saímos de Pombeiro e que xa o temos á nosa fronte:. Ollando os modillóns e capiteis tentamos concentrarnos na simbólica que amaron e leron os monxes e menosprezaron os que perderon a noción do tempo sagrado. E mentres un percorre o claustro oxival e algúns treitos barrocos e neoclásicos, buscamos unha icona con escena bíblica que descubrimos hai tempo nun capitel da porta do refectorio esborrallado . Estaba cuberto por unha enorme silva que tapaba esa representación do holocausto de Isaac, cando o seu pai Abrahán tentou lanzarlle o coitelo sobre as costas e un anxo preséntalle un año para sustituír aquela inmolación. Un anunciado mesiánico do Agnus Dei.

Estas paredes esborralladas dan a medida daquela desfeita monacal que acuñou a desamortización de Mendizabal. Basta contemplar as pedras do mosteiro erguidas en robustas paredes das casas labregas mais próximas. Así esmoreceu o noso patrimonio pola insidia de conflitos políticos e pola pouca relación que tiveron as clases populares coa arte románica e o ben pouco que lles dicían eses símbolos.

E xa rematada esta camiñada polos encoros da Ribeira Sacra, guiados por un incansábel camiñante que ademais de levarnos ás igrexas románicas abriunos varias rutas para observar esas pedras labradas e descubrir nelas outros aspectos artísticos e etnolóxicos. Rematamos, pois, un extraordinario roteiro iniciático pola nosa nación para descubrila con paixón e amala con fondura. Como dixo Nicanor:

“Galicia garda moitas horas de emoción para quen queira disfrutar da súa paisaxe, do seu folklore, da súa historia e da realidade estremecedora da súa riqueza como pobo”.

Alén do espazo románico que se configura nos encoros da Ribeira Sacra, aparecen outras igrexas recomendadas por Nicanor en “Kilovatio”, como San miguel de Melias, preto do encoro de Velle. As de Feá e Castrelo, no encoro deste último nome.

Nesta revista de FENOSA hai un artigo titulado: “Pequeña guía para excursiones veraniegas”, na que trata de orientar aos excursionistas a descubrir un itinerario para familiarizarse coa mensaxe da arte románica”.

Ademais desta impresionante descuberta están outras mais sobre o concello de Carballedo, no que lle tocou vivir durante moitos anos, como crego dos Peares. Nos seus artigos xornalísticos tan puntuais en “El Progreso” rehabilitou  a historia deste concello, grazas ás súas infatigábeis pesquisas que realizou sobre a historia, a arte, tradicións populares e etnoloxía, como ben se manifesta nese seu libro: “Escolma de Carballedo”.  Castros, priorados, casas fidalgas e biografías de ilustres fillos de Carballedo foron estudados con obsesiva paixón por este crego exemplar e entregado a facer país e non a limitalo. A Nicanor se lle debe a descuberta arqueolóxica romana soterrada na igrexa de Temes (Carballedo) e ese valioso sarcófago paleocristián.

Esta súa investigación foi extensíbel ao municipio veciño de Chantada, cabeceira de comarca, publicando un libro en 1979, titulado: “A romaxe do Faro”, no que se recolle o cancioneiro popular e doutros cantores deste alto monte, como Xohán de Requeixo. Este competente estudo adéntranos xa non só en aspectos de tradición relixiosa senón profana e en todo o que se concreta na oralidade.

Nicanor Rielo Carballo rehabilitou a historia e as artes do concello de Carballedo, divulgando todas esas particularidades que, con anterioridade, non foran descubertas nin avaliadas. Coidamos que o concello de Carballedo está en débeda con este chairego de nacenza  e que no seu amor a Galiza descubriunos, con fervor e teimosía as súas benquerenzas con esta terra luguesa do Sur que se espraia desde a serra do Faro ao río Miño.

O traballo mais prodixioso de Nicanor é o “Inventario Artístico de Lugo y su Provincia”, publicado en Madrid en 1975, polo “Servicio Nacional de Información Artística, Arqueológica y Etnológica”. Unha excelente e impagábelinvestigación compartida con Elías Valiña Sampedro, Santos Sancristobal Sebastián e Xosé Manuel González Reboredo.

Nicanor investigou todo o noso patrimonio parroquial desde Lugo capital até os lindes con Ourense, é dicir todo o Sur da nosa provincia e, tamén, boa parte da súa Terra Cha natal. Este inventario danos a medida, o valor e o esforzo que inverteu para establecer  in situ esa relación íntima co microcosmos investigado, no que hai que sumar o tempo de ordenar esa investigación en arquivos parroquiais e no diocesano.

Nicanor Rielo Carballo foi un verdadeiro intelectual, no sentido mais empírico do coñecemento, dado que as súas relacións cos obxectos, coas cousas por el tratadas, á calada, revelan a eficacia do seu traballo. El non se recluíu como un asceta ou como un crego cavernícola que se afasta do mundanal barullo. Rielo Carballo foi un cristián ecumenista, fidel ao pobo de Galiza, como parte do pobo de Deus. O seu peregrinar é algo que temos que agradecerlle e, sobre todo, perpetuar todo iso do que el nos deixou constancia, aínda das cousas mais pequerrechiñas que teñen mais valor que moitas grandes e erixidas para manifestar opulencia e arrogancia ou para pór medo aos demais”.

12-5-2012




A ÁBSIDA ROMÁNICA DE PESQUEIRAS
XOSÉ LOIS GARCÍA

O 31 de marzo, na presentación da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, xurdiu do público unha pregunta sobre a función e o deterioro da ábsida ou presbiterio de Santa María de Pesqueiras. A resposta foi un tanto simplificada por parte miña. Mais aquí podo abondar en certos puntos do significado e misión que tiña e ten un presbiterio, cabeceira da igrexa e no que conflúen varios temarios nesa estrutura arquitectónica creada en función da liturxia. Tanto as ábsidas semicirculares como rectangulares, conforman unha serie de elementos onde se configura un ritual que transcende para o resto da nave desde ese escenario.

Os construtores de catedrais, mosteiros e igrexas medievais, comezaban o seu obradoiro pola cabeceira, que é o presbiterio e no seu centro colocaba a autoridade mitrada, con grande solemnidade, a pedra angular que representa a Xerusalén celestial e que se inscribe dentro das dimensións que se citan no Apocalipse. A actuais estruturas absidais veñen a ser unha configuración desas dimensións. Por tanto, a sacralización deste espazo debe contemplarse desde varias connotacións, todas elas  necesarias e importantes para observar nos templos románicos a  configuración tan especial como son os presbiterios, o lugar dedicado aos sacerdotes e oficiantes dos diversos ritos que se destacan na cabeceira dese corpus.

Foto: Xosé Lois García©
Vano interior da ábsida de Santa María de Pesqueiras

Ese lugar elevado, por tres pasos e delimitado polo arco toral que o separa da nave, converteuse no espazo mais sacralizado do recinto, onde se desenvolve toda a ritualidade tipificada na canónica católica. No fondo e no centro estaba o altar, o lugar de sacrificios, que ven a significar o altar que Noé elevou no monte Sinaí e nel ofreceron sacrificios os patriarcas de Israel. Que ven a representar o Tabernáculo do Antigo Testamento e todas aquelas ofrendas e alianzas até chegar á sacrificio de Cristo, que no altar revívese esa acción.

Eses tres pasos ascendentes simplifican a elevación do lugar, cara o ceo e o misterio. Unha representación do monte Sinaí e de Sión, con tanto significado para xudeus e cristiáns, pero sobre todo ven a ser o prototipo do monte Gólgota, o punto central do sacrificio de Cristo. A altura dos presbiterios non é para que se observe mellor ao oficiante, como pensan moitos, senón para concretar a elevación do sagrado. Antes do Concilio Vaticano II o sacerdote comezaba a misa posicionábase no primeiro paso, e dicía: Introibo ad altare Dei (Subirei ao altar de Deus), este versículo do salmista, abría a liturxia da misa e matizaba a fórmula ascensional do oficiante.

Foto: Xosé Lois García©
Detalle da pintura mural da ábsida de Santa María de Pesqueiras

Nesa cabeceira, centro sacralizado e separador entre os oficiantes e os fieis, priorizaban outras connotacións no formato arquitectónico, ademais da súa elevación o estrado é sempre de pedra, como confirmando as palabras de Xesús: “E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la a miña Igrexa”· O fundamento desa edificación era Xesús de Nazaret. Abondan outros textos como na Epístola aos Corintios. Paulo, di: “Todos comeron o mesmo alimento espiritual, pois beberon da pedra espiritual: esa pedra é Cristo“. San Paulo en Efesios, 3,3 subliña: “Edificados sobre o alicerce dos apóstolos e dos profetas, sendo a pedra angular Cristo Xesús”. Non continuamos con mais remitencias ao que representa esa pedra angular ou esquinada. Nesta dirección apuntaron os condutores da patrística, confirmando que tódalas construcións de templos tiñan que ser de pedra, ou asentadas en rochedos.

Nestes dous mil anos de cristianismo, en seus diversos  procesos, os templos estiveron sometidos a conceptos teologais, a reformas monásticas e un longo etc. Mais as ábsidas de igrexas, priorados, e mosteiros románicos foron erixidos con rigor beneditino e austeridade cisterciense. O modelo do presbiterio de Pesqueiras, ofrece cambios ao que foi o orixinal, cando o habitaron freiras beneditinas. Como todos o deste estilo, tiñan un coro con sitial pétreo que ocupaba todo o círculo presbiteral. Pese a esas alteracións, aínda conserva o formato orixinal cuxa bóveda é de pedra e que só se verifica no caso Pesqueiras, o Convento e Requeixo, no que concirne ao espazo de Chantada. Tres exemplares que nos remiten a esa riqueza arquitectónica non improvisada, e si confirmada no poder económico que tiña a comunidade beneditina de Pesqueiras. O costo dunha cúpula destas dimensións era alto. Mais as comunidades que a habitaban eran conscientes que ese tipo de cúpulas aportaban unha serie de condicións acústicas e creaban un efecto que noutras igrexas era de menor intensidade. Isto potenciou en Pesqueiras esa modalidade tradicional de música coral, melódica e harmónica, enriquecendo o son daquel coro de voces beneditinas e, tamén, de cregos que en seus oficios primaron seus cantos litúrxicos.

No presbiterio de Pesqueiras houbo alteracións desde que a comunidade feminina deixou de existir en 1499. As pinturas renacentistas do século XVI, impuxeron outra luminosidade que non modificou nin foi agresiva coa estrutura románica. O Concilio de Trento, finais do XVI, decretou que os oficiantes revestíranse nun espazo privado e non no mesmo presbiterio, isto permitiu abrir agresivos acesos e  construír sancristías. Non foi o caso de Pesqueira que por estar nun terreo moi accidentado non permitía a construcións nesas pendentes, deseñouse un retablo onde a sancristía ficada detrás do mesmo. Unha óptima opción para non estragar a ábsida. Mais os retablos ordenados por Trento e o exceso de imaxes cargaron ese espazo que o desvirtuaron de súas orixes e eliminaron a funcionalidade acústica. Púlpitos e mobles anularon en certa maneira a construción orixinaria e moitas das súas atribucións estéticas. Así foi como os presbiterios foron acumulando tantas cousas que romperon co formato orixinal, sobre todo na independencia que tiña e no factor acústico.

Con todos estes procesos de cambio e depredación, a ábsida de Pesqueiras preserva a súa orixinalidade, despois do restauro das pinturas e da eliminación do retablo. Así, e non con moito esforzo, foise normalizando o contexto orixinal desta construción románica que se conserva no rigor dese formato.

Ecos do Románico, 7-5-2012.