XOSÉ
LOIS GARCÍA
Está
na nosa memoria unha persoa moi especial, Nicanor Rielo Carballo (1932-2000),
crego dos Peares e condutor dunha magna obra na que reconstruíu boa parte da historia
do concello de Carballedo, publicando libros e artigos, todo un contributo
impagábel que a Asociación de Amigos do
Románico da Comarca de Chantada, tenta recoñecer o seu labor por medio dunha
homenaxe que realizaremos no presente ano en Castro de Carballedo, co fin de
repoñer unha das figuras senlleiras da cultura local deste municipio do Sur da
provincia de Lugo, que aportou tantas descubertas e tendo como particular a
divulgación do románico da Ribeira Sacra. Nicanor é merecente dunha homenaxe nas
terras en que tanto traballou, durante tantos anos de permanencia nos Peares. Despois
de seu pasamento, recibiu recoñecementos e homenaxes que contribuíron a
esclarecer a persoa e a obra de Nicanor. Carballedo ficou á marxe deses actos, tema que
vamos a retomar para recoñecer o traballo de investigación que nestas terras realizou
con profunda intensidade.
Na
homenaxe que a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, no seu voceiro,
servidor publicou no 2002 o seguinte traballo sobre Nicanor, que reproducimos:
“O 9
de xullo de 1964, o crego dos Peares, Nicanor Rielo Carballo, publicou en “El
Progreso” de Lugo un artigo, titulado: “El Embalse del Románico”. Acompañado
dun itinerario-mapa do encoro dos Peares, no que aparecen as seguintes igrexas
románicas situadas na marxe dereita do río Miño: O Salvador de Asma (O
Convento), Camporramiro e Nogueira, nas terras de Chantada. Chouzán, Cova e
Oleiros nas terras de Carballedo. Na marxe esquerda están suxeridos os templos
románicos de San Estevo de Ribas de Miño, Diomondi, Fión e A Cova, no concello
do Saviñao. No de Pantón, Atán.
Mais
este seu artigo sinala outros itinerarios polos encoros galegos, deixando
sentir o seu coñecemento e predilección polo románico da Riboira Sacrata, que se configura non ríos Sil e Miño. Será neste
entorno onde realicemos a nosa andaina guiados pola axuda indispensábel de
Nicanor Rielo Carballo que nos revela, principalmente, na revista “Kilovatio”,
publicada por FENOSA. Estas colaboracións tan certas e puntuais, sobre o
románico dos encoros, marcan unha novidosa manifestación tanto no coñecemento
como na divulgación destes monumentos que aderezan ese delicado espazo do curso
dos ríos Miño e sil.
Estas
colaboracións que Nicanor publicou en “Kilovatio”, ano tras ano, están
tuteladas polo subtítulo: “Rutas del Románico”. Mais unha das primeiras está
subtitulada como “Rincón del Espírito” e co título xenérico de: “Señora
Nuestra”, que lembra aos escultores do medievo (señoreados polo anonimato) que
modelaron esas imaxes da Virxe María. Esas matronas estáticas e custodiando no
regazo ao neno Xesús.
Foto: © Xosé Lois García
Talla románica da Virxe de Pesqueiras
Neste
artigo faise referencia á modélica talla da Virxe de Pesqueiras (Chantada) que
presidiu o vello mosteiro das toquinegradas (nome medieval que se lle deu as
freiras bentas) desde a súa consagración no 1120. A Virxe de
Pesqueiras, que aínda Nicanor ollou no presbiterio románico, desapareceu a
noite do 28 de agosto de 1999, co incendio da capela de Soilán, onde se
atopaba. Ou ben o incendio serviu de coartada para roubar esta apreciada talla,
tan emblemática no escenario artístico local e no devocionario popular.
Unha
imaxe que eu, particularmente, tíñalle benquerenzas desde que me levaron de
neno para pasar nove veces debaixo das súas andas. A finalidade era que os
rapaces tangarañeiros tivésemos familiaridade cos espíritos benéficos. Nesta
imaxe estaba referenciada toda unha cultura popular que os ribeiraos, con
persistente celo, continuaron a tradición herdada dos nosos devanceiros. Neste
contexto, o artigo de Nicanor preséntanos esa afiliación de estar ao redor
dunha estática e solemnizada talla románica visionando o futurismo nun ceo con
mais porvir que unha terra cargada de pestes, tributos e señores feudais.
Neste
recuncho de ribeira, liberado nese ámago silencio, as fervenzas do miño, en son
e ritmo de sacra melodía, ofrendaban súas telúricas notas á Virxe de
Pesqueiras. Ás que temos que sumar aquelas oracións caladas dos devotos
parroquianos e dos de San Fiz, Merlán e Sabadelle, que no seu ir e vir dos
labores viñateiros deixaban unha oración ou somentes un silencio conmovedor.
Como moi ben di Nicanor:
“Cuando
Hohán de Requeixo subía trovando al monte Faro, otros chantadibnos bajaban a
los sucalcos del Miño, donde las momjas benedictinas cantaban su salmodía
diaria a Nuestra Señora”.
E
neste espazo inicial do encoro de Belesar comeza Nicanor a súa inagotábel e
incomparábel andanza á procura deses promontorios de pedra románica que nos
falan de mil maneiras aos nosos sentidos.
Noutro
artigo de “Kilovatio” rolda por Pesqueiras para falarnos da historia
eclesiástica e desdobrando ese nítido románico pleno con esas inconfundíbeis
sinais de identidade do que mais tarde sería a escola compostelán do mestre
Mateo.
O
vello priorato de Pesqueiras produciu en Nicanor unha encantadora atracción que
manifestou no referido artigo:
“Las
salmodías que entonaban hace centurias las monjas resuenan todavía en el
silencio de la historia, una historia que aquí se palpa aun cercana a nosotros
como queriendo testimoniar el ser y la esencia de tiempos pretéritos”.
Foto: © Xosé Lois García
Igrexa de Santa María de Nogueira
Sen
deixas este encoro de Belesar e continuando o roteiro trazado por Nicanor cara
a Portomarín, non fai ningunha alusión en “Kilovatio” á igrexa románica de San
Vitorio de Ribas de Miño, non moi lonxe de Pesqueiras e xa na banda do Saviñao.
Portomarín ben mereceu dous artigos sobre as igrexas de San Xoán e a de San
Pedro. Aquí esboza o temario histórico e arquitectónico atraído por ese formato
referenciado na escola de Mateo. A Nicanor encantábanlle eses coros polifónicos
de músicos petrificados que custodian os tímpanos frontais. Este tema é tratado
con delicado interese e dun xeito pedagóxico e divulgativo, potenciando ao
visitante para que contemple con dignidade esa perfección arquitectónica que
nos convida a non esquecer a eses artífices tan perfectos e conmovedores como
foron os mestres de obras da arte sacra medieval.
Voltemos
a esa fenda telúrica dos Peares, que don Ramón Otero Pedrayo chamou
Bocarribeira, onde o Miño quedo e repregado neste silencio que lle impuxeron os
muros de formigón, mesmo onde FENOSA erixiu a capela na que tentos anos
desenrolou Nicanor o seu ministerio. Desde aquí, río acima e moi próximo deste
espacio atopamos o antigo mosteiro de freiras beneditinas de san Xoán da Cova
que no 1951 foi abicada noutro lugar, non lonxe do orixinal, para evitar que as
augas o asolagasen.
Nesta
ocasi´pn volve a ese considerandum de loar a historia e a arte nunha das
paisaxes mais conmovedoras da Ribeira Sacra. Un espazo emancipado por aqueles
anacoretas e cenobitas que fixeron mo0rada espiritual e panteísta na
inmensidade desta paisaxe. Aquí foi onde Nicanor comeza a testemuñar a
sobriedade e o rigor do románico, apreixado nesa fenda por onde o Miño barullento
e profético exalta a súa mensaxe de santidade por estes agrestes rochedos esculpidos
á medida dos espíritos libres.
Así
é a Cova, chantada no cumial dun cómaro, axexando as ribeiras de Pantón, onde
nunha pequena chairiña cuberta de vides e cruzada por minúsculos regos de
fonteiriñas ergueron a igrexa de Santo Estevo de Atán. Aquí estivo Nicanor
resucitando historias de cenobitas que deixaron a súa marca nesas celosías
visigóticas para particularizar unha identidade eclesial que configurou a
peculiar organización da parroquia ou freguesía, constatada nunha articulación
cultural, demográfica, económica e xurídica. O noso microcosmos conceptuado
desde o lado relixioso, creando historias particulares que configuran a
historia integral de Galiza.
Voltando
de novo á marxe dereita do río Miño, nas ribeiras de Carballedo e non lonxe da
Cova, o noso guieiro introdúcenos noutro centro cenobítico que no século XII
deu paso á comunidade beneditina de Santo Estevo de Chouzán. Un mosteiro
fundado á beira do Miño que polos mesmos motivos que o da Cova foi trasladado
ao lugar actual.
Nicanor,
no seu roteiro polo románico dos encoros desvélanos de Chouzán unha serie de
sucesos polos que pasou esta comunidade relixiosa debido ás turbulencias
sociais e económicas do medievo, cando o cabaleiro chantadés, Vasco Gómez das
Seixas, usurpou terras e privilexios monacais. Ou o desasosego daquelas freiras
non acataron a orde dos Reis Católicos de ser trasladadas a San Paio de
Antealtares, en Compostela.
Mais
enriba de Chouzán, o catador do románico chega a Santa María de Nogueira de
Miño e, obrigatoriamente, repousa o corpo e pousa a ollada, desde a igrexa
románica, nas viravoltas do Miño que
conforma a península chamada Cabo do Mundo. As retinas ben merecen un repouso
despois de observar tantas imaxes desta paisaxe que estimula o espíeito. Mais
un non pon freos aos estímulos e praceres con que se nos ofrendan estas paraxes
tan suxerentes como panteístas. Na igrexa un espreita as cubas de viño nos
modillóns románicos, ou esas troitas e anguías esculpidas con solemnidade na
cornixa, como se esta fose a medida xusta do roteiro do Miño.
Chámanos
a atención a crónica de Nicanor sobre as súas vivencias e as convivencias coas
xentes do lugar e co párroco, cando di:
“Como
el motivo que me conduce hoy hasta esta geografía insólita es la monumentalidad
de su iglesia románica, me veo obligado a golpear en el aldabón de la puerta
del cura. Sorprende que la rectoral aparezca como un edificio de reciente
construcción, cuando se sabe que la mayor parte del clero rural vive en
vetustas casonas desprovistas de comodidade y las lamentaciones jeremíacas
porque delante tenemos, abriendo de par en par el vestíbulo de su acogedora
vivienda, a don Pegerto, que con eñl nombre basta para presentarle. En toda la
comarca se le conoce y se le respeta, y uno que se considera viejo amigo, sabe
de sobra acerca de la hospitalidad que le caracteriza. Es algo así como el
gentil mesonero que, más que agudo comerciante, termina siendo compañero de
camino, guía ameno y agradable conversador”.
Constato
absolutamente este retrato dun crego como don Pegerto –que agora xa non exerce
de crego en Nogueira, por enfermidade-, cargado de humanidade e solidario con
todos. É verdade que antes de abrir a igrexa abría a súa casa na que sempre
había algunha dádiva que esta ribeira produce. Pola fresca de agosto eu gostaba
de ir a Nogueira e nese adro do igrexario, que ademais sirve de cemiterio e
miradoiro, conversaba sobre o mais aquí e o mais alá con don Pegerto, á sombra
desas paredes románicas cargadas de símbolos que sempre nos gratifican cun
ensino íntimo.
Neste
sentido, Nicanor fai un delicado comentario que nos aproxima á verdadeira
utilidade espiritual e material da iconografía románica de Nogueira, cando di:
“Los
capiteles del arco fajón muestran la capacidad imaginativa de los canteros, que
han querido plasmar en la piedra escenas de la vida familiar, en las que el
asistente a los oficios litúrgicos podía evocar el sentido de las enseñanzas
religiosas. No se cansa uno de admirar el contenido pedsgógico que alcanzó la
arquitectura románica en la comunicación del mensaje. Un publico iletrado y
sencillo podía captar en los jeroglíficos pétreos la serie de verdades y
conceptos de una catequesis fundamental. No había entonces imagen fotográfica o
televisiva, pero contaban con la plasticidad que impone una superficie
modelada”.
Deixamos
Nogueira sen antes dar unha ollada a ese castro altivo que se debruza sobre o
Cabo do Mundo e o río Miño feito á medida do repoboador destas ribeiras, o
bispo Odoario, no século VIII e do bispo Pedro III O Peregrino, que no século
XII articulou a segunda repoboación de
socalcos e baceliños en mistura con esa arquitectura románica, tan auténtica
como suxerinte.
Foto: © Xosé Lois García
Santo Estevo de Ribas de Miños
Continuando o ascenso do encoro dos Peares,
por terras de Chantada, tocamos a seu fin no viaduto de San Fiz. Mesmo aquí,
albiscamos o enorme rosetón do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño que
absorbe a curiosidade a calquera viandante. Unha vez apreixados por este enorme
promontorio pétreo, harmonizado e señoreado pola paisaxe, entramos na impresión
que nos deixou Nicanor en “Kilovatio”:
“La
iglesia de San Esteban de Ribas de Miño, monumento que por sí solo atestiguaría
el esplendor de un estilo y la grandeza
de toda una época, se yergue como atalaya en las estribaciones que sirven de
ascensión a la comarca del Saviñao. Al estilo de cualquier bodega del país, en
un recorte de terreno a manera de escalón, se plantan sus muros y las cenefas
de su rosetón imitan los varicuetos de los carriles o senderos lugareños que
cual los Codos de Belesar se retuercen para poder engullir la pendiente”.
Recrear
a ollada neste mítico rosetón e no pórtico onde podemos imaxinar que eses sete
músicos dedícannos un Laudemus ou un
Salmo sapiencial, como no pórtico da Gloria, Portomarín ou Carboeiro. A marca
xenuína dos canteiros da escola do mestre Mateo repítese aquí con enorme énfase
artístico e simbólico. A sorpresa de Nicanor –sospeitamos- foi tan enorme que
entre admiración e reflexión deixounos, igual que o fixera en Nogueira, varias interpretacións,
ou polo menos certos achegamentos e insinuacións que el intuíu sobre a
simbólica dos diversos iconas. A pesar do que el me manifestou en certa ocasión
de que a simboloxía románica non era o seu forte, mais nos deixou sobre esa
coral de músicos petrificados esta interpretación tan persoal como simpática:
“El
hombre que maneja el centro del arco maneja un redondel a manera de bombo;
nosotros lo identificaríamos de buena gana con la bateria de nustras rondallas.
No conversa con nadia, quizá porque se lo sabe de memoria y ademas tiene que
infundir a los otros el peso de directos”.
Desde
Acova abrimos ruta á procura do verdadeiro espazo da antiga Riboira Sacrata, no Sil, onde os
eremitas a cultuaron e nestas agrestes paisaxes que conforman o canón deste
río, onde o encoro de San Pedro creou ese remanso de augas silenciadas, mesmo
fronte a Pombeiro. Buscamos este lugar na fermosa terra de Pantón que se
conforma nunha especie de península que deseñan o Miño e o Sil. Mais sen antes
visitar, dado que nos ven de camiño, o antigo mosteiro de Eiré e o mostero das
Bernardas en Ferreira (capital do concello pantonés). Dous monumentos que nos
convidan a interminabeis suxerencias e reflexións.
En
San Vicente e Pombeiro deixámonos guiar por Nicanor que nos instrúe coa
historia que se xerou rente a este mosteiro e tempera en galego, o noso idioma,
a súa ruta. Danos a entender que “os tempos son chegados”, como dicía Pondal ou
testemuñaba Camões: “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades”, Así é como
Nicanpos aproveitaba a conxuntura reivindicativa e comeza a escribir en galego
as súas rutas do románico en “Kilovatio”, esa publicación elitista que chegaba
a tódolos fenosos.
Desde
este tempero galego abrimos camiño, tendo en conta os indicativos xeográficos e
históricos que nos di sobre Pombeiro:
“As
terras da orela dereita repártense entre as freguesías de San Xohán da Moura e
Santo Estebo do
Sil. Tanto por unha banda como pola outra poderíamos pararnos e facer historia
de calquera ermida ou paraxe, pero hoxe vamos a fixarnos na eirexa mosteiral de
Pombeiro, unha das poucas casas que os cluniacenses tiveron en Galicia”.
Despois
de rendernos ante a historia, un tenta ir a Santo Estevo de Ribas de Sil, que
ollamos desde Pombeiro en liña recta e non moi lonxe daquí. Mais o gran canón
fainos dar o arrodeo pertinente para acadar este lugar. A procura da outra
banda do Sil, un desanda camiño e chega a Ferreira para entronizarse nas terras
de Sober e ir ao miradoiro de Bolmente, mesmo no canón ollamos á nosa fronte
Santa Cristina de Ribas de Sil e, tamén, aproveitaremos a ocasión para ollar os
excelentes formatos románicos de Pinol e Lobios, sen antes ir ao miradoiro e
santuario da Nosa Señora da Cadeira. Buscando a ruta axeitada para cruzar o
Sil, por Doade de Sober e pasar a Abeleda de Castro Caldelas chegamos a Santa
Cristina, no medio dun gran silencio marcado polas augas sosegadas e pola maina
ventoeira da canícula que non bate nas follas dos frondosos e milenarios
castiñeiros. Tamén observamos esas pedras milenarias e feridas polo arrouto
popular, da mal entendida desamortización de Mendizábal.
Mais
o texto que nos deixou Nicanor remítenos a esa frecuencia de silencio que nos
comprace neste telúrico, mítico e histórico recuncho, cando subliña:
“Nun
diste currunchos, un souto de castiñeiros retortos polos anos e polo traballo,
escóndese o mosteiro de Santa Cristina do Sil, solitario como un perdido
anacoreta. Alí nin hai casas nin sitio para elas, non hai hortos nin labradíos,
non se ven agros nin lameiros, porque en verdade está nunha encosta laxenta que
cae súpeta de cara ó río. De entre tódolos emplazamentos de mosteiros que eu
coñezo en Galicia, non dudo que sexa este o mais isolado e escondido. O frade
que elixiu o sitio puido quedar enteiramente satisfeito e seguro de que alí non
lle iban a cegaren tentaciós do primeiro dos enemigos do home, que é o mundo”.
Mais
deixemos levarnos por Nicanor, o noso guía e mestre, para entrar neses perfís
estéticos que loan o sagrado e que a el foron os que mais o cativaron,
sinalando:
Nun
recanto onde os horizontes carecen de medida por mor da espesura da vexetación
e da falta de chan, non é doado percibir o feitizo e armuñía do frontis, que
solprende se un se para e analiza os diversos elementos, que pertenecen a un
románico de transición, emparentado sen dúbida co que se ve en Santo Estebo de
Ribas de Sil, salvada a diferencia que supón o
grandor dunha e doutra eirexa e coa carencia dun dato tan revelador como sería a fachada de Ribas de Sil, que se
sustituíu por outra de tipo barroco”.
A
Santo Estevo chegamos compracendo así a nosa teimosía desde que saímos de
Pombeiro e que xa o temos á nosa fronte:. Ollando os modillóns e capiteis
tentamos concentrarnos na simbólica que amaron e leron os monxes e
menosprezaron os que perderon a noción do tempo sagrado. E mentres un percorre
o claustro oxival e algúns treitos barrocos e neoclásicos, buscamos unha icona
con escena bíblica que descubrimos hai tempo nun capitel da porta do refectorio
esborrallado . Estaba cuberto por unha enorme silva que tapaba esa
representación do holocausto de Isaac, cando o seu pai Abrahán tentou lanzarlle
o coitelo sobre as costas e un anxo preséntalle un año para sustituír aquela
inmolación. Un anunciado mesiánico do Agnus
Dei.
Estas
paredes esborralladas dan a medida daquela desfeita monacal que acuñou a
desamortización de Mendizabal. Basta contemplar as pedras do mosteiro erguidas
en robustas paredes das casas labregas mais próximas. Así esmoreceu o noso
patrimonio pola insidia de conflitos políticos e pola pouca relación que
tiveron as clases populares coa arte románica e o ben pouco que lles dicían
eses símbolos.
E xa
rematada esta camiñada polos encoros da Ribeira Sacra, guiados por un
incansábel camiñante que ademais de levarnos ás igrexas románicas abriunos
varias rutas para observar esas pedras labradas e descubrir nelas outros
aspectos artísticos e etnolóxicos. Rematamos, pois, un extraordinario roteiro
iniciático pola nosa nación para descubrila con paixón e amala con fondura.
Como dixo Nicanor:
“Galicia
garda moitas horas de emoción para quen queira disfrutar da súa paisaxe, do seu
folklore, da súa historia e da realidade estremecedora da súa riqueza como
pobo”.
Alén
do espazo románico que se configura nos encoros da Ribeira Sacra, aparecen
outras igrexas recomendadas por Nicanor en “Kilovatio”, como San miguel de
Melias, preto do encoro de Velle. As de Feá e Castrelo, no encoro deste último
nome.
Nesta
revista de FENOSA hai un artigo titulado: “Pequeña guía para excursiones
veraniegas”, na que trata de orientar aos excursionistas a descubrir un
itinerario para familiarizarse coa mensaxe da arte románica”.
Ademais
desta impresionante descuberta están outras mais sobre o concello de
Carballedo, no que lle tocou vivir durante moitos anos, como crego dos Peares.
Nos seus artigos xornalísticos tan puntuais en “El Progreso” rehabilitou a historia deste concello, grazas ás súas
infatigábeis pesquisas que realizou sobre a historia, a arte, tradicións
populares e etnoloxía, como ben se manifesta nese seu libro: “Escolma de
Carballedo”. Castros, priorados, casas
fidalgas e biografías de ilustres fillos de Carballedo foron estudados con
obsesiva paixón por este crego exemplar e entregado a facer país e non a
limitalo. A Nicanor se lle debe a descuberta arqueolóxica romana soterrada na
igrexa de Temes (Carballedo) e ese valioso sarcófago paleocristián.
Esta
súa investigación foi extensíbel ao municipio veciño de Chantada, cabeceira de
comarca, publicando un libro en 1979, titulado: “A romaxe do Faro”, no que se
recolle o cancioneiro popular e doutros cantores deste alto monte, como Xohán
de Requeixo. Este competente estudo adéntranos xa non só en aspectos de
tradición relixiosa senón profana e en todo o que se concreta na oralidade.
Nicanor
Rielo Carballo rehabilitou a historia e as artes do concello de Carballedo,
divulgando todas esas particularidades que, con anterioridade, non foran
descubertas nin avaliadas. Coidamos que o concello de Carballedo está en débeda
con este chairego de nacenza e que no seu
amor a Galiza descubriunos, con fervor e teimosía as súas benquerenzas con esta
terra luguesa do Sur que se espraia desde a serra do Faro ao río Miño.
O
traballo mais prodixioso de Nicanor é o “Inventario Artístico de Lugo y su
Provincia”, publicado en Madrid en 1975, polo “Servicio Nacional de Información
Artística, Arqueológica y Etnológica”. Unha excelente e impagábelinvestigación
compartida con Elías Valiña Sampedro, Santos Sancristobal Sebastián e Xosé
Manuel González Reboredo.
Nicanor
investigou todo o noso patrimonio parroquial desde Lugo capital até os lindes
con Ourense, é dicir todo o Sur da nosa provincia e, tamén, boa parte da súa
Terra Cha natal. Este inventario danos a medida, o valor e o esforzo que
inverteu para establecer in situ esa relación íntima co
microcosmos investigado, no que hai que sumar o tempo de ordenar esa
investigación en arquivos parroquiais e no diocesano.
Nicanor
Rielo Carballo foi un verdadeiro intelectual, no sentido mais empírico do
coñecemento, dado que as súas relacións cos obxectos, coas cousas por el
tratadas, á calada, revelan a eficacia do seu traballo. El non se recluíu como
un asceta ou como un crego cavernícola que se afasta do mundanal barullo. Rielo
Carballo foi un cristián ecumenista, fidel ao pobo de Galiza, como parte do
pobo de Deus. O seu peregrinar é algo que temos que agradecerlle e, sobre todo,
perpetuar todo iso do que el nos deixou constancia, aínda das cousas mais
pequerrechiñas que teñen mais valor que moitas grandes e erixidas para
manifestar opulencia e arrogancia ou para pór medo aos demais”.
12-5-2012