martes, 10 de abril de 2012

Presentación do pasado día 31 de marzo de 2012.

Remata de presentarse en Chantada a recen legalizada “Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada”. A xunta directiva fundacional ten expresado a convicción e a prioridade dun traballo serio e constante ao redor dos monumentos medievais de expresión románica e non só, dos tres concellos que compoñen a comarca de Chantada: Carballedo, Chantada e Taboada.

As premisas programáticas, expostas na presentación, aséntanse na base de programas de estudio, divulgación e defensa do amplo patrimonio desta comarca, na que se contabilizan monumentos relixiosos, civís e militares que se espallan por unha ampla xeografía de enorme interés. No que toga a igrexas, camiños e calzadas medievais, e aos áticos castelos e torres que confirman boa parte da personalidade comarcal e, tamén, outros pormenores e diversidades que ofrece a arquitectura, iconografía, simboloxía, historia, economía, etnoloxía, pensamento social e tantas outras expresións que se fundamentan no románico comarcal. Parece ser que este será o punto de partida para fornecer e esclarecer un diálogo de descuberta e emancipación destes conxuntos.

Na discursiva programática, priorizouse sobre as necesidades e as carencias do patrimonio medieval e, tamén, no que respecta á rehabilitación deste patrimonio en dúas frontes: patrimonio material e inmaterial. Deste último se fixo fincapé a espazos históricos como o evocado polo trobador Xohán de Requeixo, no alto cume de Santa María do Faro, así como doutros temarios históricos que merecen de ser rescatados de múltiples esquecementos e desencontros.

Nese discurso inaugural, manifestouse o seguinte: “Nesta teima de emprender un novo camiño de rescate, estamos seguros en aportar un traballo serio por medio de debates, críticas constructivas para realizar un labor democrático e rigorosamente pluralista. Este patrimonio precisa de ideas que o salvagarden de raquíticos minifundios institucionais. Deica agora se ten demostrado iso, onde houbo grupos asociativos e belixerantes polo respecto monumental e pola reconstrucción da memoria, o avance foi positivo”.

Ao final desa programática discursiva, fíxose un alegato a tódalas persoas presentes no acto, para tomar conciencia e sensibilidade no que respecta a este patrimonio local da comarca de Chantada. Co fin de desenrolar os Estatutos da Asociación en varios marcos de traballo e de recadar novos socios. A esa chamada responderon unhas vinte persoas que se deron de alta nesta “Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada.

Xose Lois García