lunes, 21 de mayo de 2012

ECOS DO ROMÁNICO: SAN SALVADOR DE ASMA (O CONVENTO) UN MOSTEIRO AGREDIDO

XOSÉ LOIS GARCÍA

Dunha maneira oficiosa, onde a palabra ergueita e auxiliadora, a música e a poesía,  faranse oír o próximo sábado día 26 de maio no interior do templo de San Salvador de Asma.  Ese milenario monacato e mais tarde mosteiro bieito,  engrandecido con esa arquitectura románica que aínda exhibe o mellor de seus portentos nesas abreviadas iconografías que manifestan a grandeza da escola estilística do románico pleno do mestre Estevo. Alí estaremos para escoitar unha abreviatura histórica que disertará Juan Manuel Sobrado e, tamén, unha guía da nosa asociación fará varios indicativos sobre este monumento degradado por tantas agresións cometidas desde a Desamortización de Mendizábal.


Foto: © Begoña González
Frontis da igrexa de San Salvador de Asma

No intre en que a comunidade bieita deixou de existir e a casa dos monxes pasa a un poder ben particularizado, ou civil, aínda que os incívicos donos o depredaron a seu xeito e en plena liberdade e aleivosía, precintando a porta sur, ou do mediodía, deixando escurecido e anulado un dos tímpanos mais importantes da estética e da simboloxía de Galiza, como son eses dous leóns híbridos en loita e con cabeza de oca. Así como os capiteis fitomórficos e zoomórficos que constitúen un dos mellores logros da grandeza románica de principios do século XII.

Ese asentamento visigótico que deu transición ao románico e que tivo baixo seu dominio suculentas terras, onde foron fecundando numerosas comunidades das terras amplas do Asma. Sen este mosteiro e súa comunidade, a actual Chantada non existiría no espazo que hoxe coñecemos, nen unha serie de connotacións históricas, culturais e estructuras económicas que se deron sen este centro eclesiástico de fecunda resonancia e de altiva atracción para o que hoxe representa certa decadencia; escura desfeita do que non podemos permitir certos absentismos, comezando polo Patrimonio da Xunta de Galicia que permite que a porta sur e toda a parede, onde na cornixa debrúzase toda unha colección de modillóns iconográficos que moi poucas persoas coñecen, por culpa dos que teiman  de non consentir que esa murada que é da igrexa non haxa acceso a ela.


 Foto: © Begoña González
Cabeceira da igrexa de San Salvador de Asma

 Por tanto, desde 1837 o escurantismo e o secuestro desa parte tan única como fundamental para integrala ao resto do exterior como do interior deste templo,  para manter vivo ese conxunto arquitectónico. Isto supón un traballo que se concibe desde a preocupación da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, enmarcado en moitos contextos e perfís que San Salvador de Asma precisa de programar e denunciar consabidas depredacións. Estamos seguros que a asociación en solitario pode facer pouco, sen a motivacións dos fregueses do Convento, a xente que ama este monumento por tantas circunstancias. Sabemos que hai sensibilidade por parte da Asociación de Veciños do Convento e que ten efectuado traballos e trámites para que o antigo mosteiro fose reparado.

Por estes reparos iremos a San Salvador de Asma a integrar e conxuntar forzas e, sobre todo, manifestar que xa non é permisivo que o Patrimonio da Xunta silencie tanta evidencia de desfeita agresiva, cando unha parte importante deste mosteiro, sen dúbida a mais importante, continúe anulada. Por esta e outras circunstancias, estaremos no Convento para lexitimar esa reivindicación de que este templo normalice a súa integridade singular. E o faremos coa palabra, coa historia, coa contemplación da arte que se nos ofrece, con sons musicais e no eco da poesía e, tamén, cos pareceres de quen participa e anima a non deixar morrer o noso patrimonio.