lunes, 7 de mayo de 2012

ECOS DO ROMÁNICO: A ÁBSIDA ROMÁNICA DE PESQUEIRAS

XOSÉ LOIS GARCÍA

O 31 de marzo, na presentación da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, xurdiu do público unha pregunta sobre a función e o deterioro da ábsida ou presbiterio de Santa María de Pesqueiras. A resposta foi un tanto simplificada por parte miña. Mais aquí podo abondar en certos puntos do significado e misión que tiña e ten un presbiterio, cabeceira da igrexa e no que conflúen varios temarios nesa estrutura arquitectónica creada en función da liturxia. Tanto as ábsidas semicirculares como rectangulares, conforman unha serie de elementos onde se configura un ritual que transcende para o resto da nave desde ese escenario.

Os construtores de catedrais, mosteiros e igrexas medievais, comezaban o seu obradoiro pola cabeceira, que é o presbiterio e no seu centro colocaba a autoridade mitrada, con grande solemnidade, a pedra angular que representa a Xerusalén celestial e que se inscribe dentro das dimensións que se citan no Apocalipse. A actuais estruturas absidais veñen a ser unha configuración desas dimensións. Por tanto, a sacralización deste espazo debe contemplarse desde varias connotacións, todas elas  necesarias e importantes para observar nos templos románicos a  configuración tan especial como son os presbiterios, o lugar dedicado aos sacerdotes e oficiantes dos diversos ritos que se destacan na cabeceira dese corpus.

Foto: Xosé Lois García©
Vano interior da ábsida de Santa María de Pesqueiras

Ese lugar elevado, por tres pasos e delimitado polo arco toral que o separa da nave, converteuse no espazo mais sacralizado do recinto, onde se desenvolve toda a ritualidade tipificada na canónica católica. No fondo e no centro estaba o altar, o lugar de sacrificios, que ven a significar o altar que Noé elevou no monte Sinaí e nel ofreceron sacrificios os patriarcas de Israel. Que ven a representar o Tabernáculo do Antigo Testamento e todas aquelas ofrendas e alianzas até chegar á sacrificio de Cristo, que no altar revívese esa acción.

Eses tres pasos ascendentes simplifican a elevación do lugar, cara o ceo e o misterio. Unha representación do monte Sinaí e de Sión, con tanto significado para xudeus e cristiáns, pero sobre todo ven a ser o prototipo do monte Gólgota, o punto central do sacrificio de Cristo. A altura dos presbiterios non é para que se observe mellor ao oficiante, como pensan moitos, senón para concretar a elevación do sagrado. Antes do Concilio Vaticano II o sacerdote comezaba a misa posicionábase no primeiro paso, e dicía: Introibo ad altare Dei(Subirei ao altar de Deus), este versículo do salmista, abría a liturxia da misa e matizaba a fórmula ascensional do oficiante.

Foto: Xosé Lois García©
Detalle da pintura mural da ábsida de Santa María de Pesqueiras

Nesa cabeceira, centro sacralizado e separador entre os oficiantes e os fieis, priorizaban outras connotacións no formato arquitectónico, ademais da súa elevación o estrado é sempre de pedra, como confirmando as palabras de Xesús: “E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la a miña Igrexa”· O fundamento desa edificación era Xesús de Nazaret. Abondan outros textos como na Epístola aos Corintios. Paulo, di: “Todos comeron o mesmo alimento espiritual, pois beberon da pedra espiritual: esa pedra é Cristo“. San Paulo en Efesios, 3,3 subliña: “Edificados sobre o alicerce dos apóstolos e dos profetas, sendo a pedra angular Cristo Xesús”. Non continuamos con mais remitencias ao que representa esa pedra angular ou esquinada. Nesta dirección apuntaron os condutores da patrística, confirmando que tódalas construcións de templos tiñan que ser de pedra, ou asentadas en rochedos.

Nestes dous mil anos de cristianismo, en seus diversos  procesos, os templos estiveron sometidos a conceptos teologais, a reformas monásticas e un longo etc. Mais as ábsidas de igrexas, priorados, e mosteiros románicos foron erixidos con rigor beneditino e austeridade cisterciense. O modelo do presbiterio de Pesqueiras, ofrece cambios ao que foi o orixinal, cando o habitaron freiras beneditinas. Como todos o deste estilo, tiñan un coro con sitial pétreo que ocupaba todo o círculo presbiteral. Pese a esas alteracións, aínda conserva o formato orixinal cuxa bóveda é de pedra e que só se verifica no caso Pesqueiras, o Convento e Requeixo, no que concirne ao espazo de Chantada. Tres exemplares que nos remiten a esa riqueza arquitectónica non improvisada, e si confirmada no poder económico que tiña a comunidade beneditina de Pesqueiras. O costo dunha cúpula destas dimensións era alto. Mais as comunidades que a habitaban eran conscientes que ese tipo de cúpulas aportaban unha serie de condicións acústicas e creaban un efecto que noutras igrexas era de menor intensidade. Isto potenciou en Pesqueiras esa modalidade tradicional de música coral, melódica e harmónica, enriquecendo o son daquel coro de voces beneditinas e, tamén, de cregos que en seus oficios primaron seus cantos litúrxicos.

No presbiterio de Pesqueiras houbo alteracións desde que a comunidade feminina deixou de existir en 1499. As pinturas renacentistas do século XVI, impuxeron outra luminosidade que non modificou nin foi agresiva coa estrutura románica. O Concilio de Trento, finais do XVI, decretou que os oficiantes revestíranse nun espazo privado e non no mesmo presbiterio, isto permitiu abrir agresivos acesos e  construír sancristías. Non foi o caso de Pesqueira que por estar nun terreo moi accidentado non permitía a construcións nesas pendentes, deseñouse un retablo onde a sancristía ficada detrás do mesmo. Unha óptima opción para non estragar a ábsida. Mais os retablos ordenados por Trento e o exceso de imaxes cargaron ese espazo que o desvirtuaron de súas orixes e eliminaron a funcionalidade acústica. Púlpitos e mobles anularon en certa maneira a construción orixinaria e moitas das súas atribucións estéticas. Así foi como os presbiterios foron acumulando tantas cousas que romperon co formato orixinal, sobre todo na independencia que tiña e no factor acústico.

Con todos estes procesos de cambio e depredación, a ábsida de Pesqueiras preserva a súa orixinalidade, despois do restauro das pinturas e da eliminación do retablo. Así, e non con moito esforzo, foise normalizando o contexto orixinal desta construción románica que se conserva no rigor dese formato.

Ecos do Románico, 7-5-2012.