miércoles, 6 de junio de 2012

ECOS DO ROMÁNICO: Polo románico da Ribeira Sacra

Xosé Lois García


As incontinencias do desastre do románico da Ribeira Sacra débese á falta dun proxecto coherente por parte do Patrimonio da Xunta de Galicia que trate, minimamente, de normalizar o que aínda queda da fábrica orixinaria románica, que en moitos casos está en bo estado e que compre un mantemento serio e actualizado capaz de diminuír os riscos das ameazas dunha depredación moi seria.

A Ribeira Sacra luguesa –da cal falo- non só ten viño, que como elemento comercial tanto se evoca e difunde, ou a paisaxe, fundamental en ambas beiras do Miño e do Sil, o románico forma parte fundamental da producción vinícola e das paisaxes que foron conformadas por iniciativa dos mosteiros e igrexas románicas que bordean esa ampla conca dos mencionados ríos. Esa interrelación, entre estes tres elementos básicos son hoxe o fundamento de moitas atraccións á nosa ribeira que transcende en motivacións que o románico inspira. O volume de visitantes é cada vez maior e pode que cada vez atópense mais desatendidos estes monumentos, aínda que un dos temas solventados son os das guías que transcenden nos ámbitos de Pantón, Sober, Saviñao e Chantada, que están realizando un papel importante na descuberta da historia, da arquitectura e da simboloxía e noutras claves indicativas do patrimonio material e inmaterial.

Un esforzo necesario para descubrir tantos séculos de tebras que escurecen o románico da Ribeira Sacra e non só. Unha esperanza na toma de conciencia para recuperar outro ritmo e outra eficacia ben distinta a que se marca desde outros ámbitos administrativos. Mais con estes andares e avatares ten que xurdir un proxecto reivindicativo, capaz de orientar un traballo que priorice unha serie de matices e concreten o estado de depredación de moitos templos que están nos enclaves do Miño e do Sil, carentes dun estado de conservación que teña indicativos de coherencia para salvar a estes monumentos dunha destrucción fatal.

Neste contexto, podemos mencionar na marxe dereita do Miño, o mosteiro de Pesqueiras (Chantada), nun estado de conservación medio, con pinturas renacentistas recuperadas e con falta de accesos, de iluminación e a falta de sinaleiros para chegar a este enclave. Non se pode propagar aos catro ventos este monumento cando ten estas necesidades que bloquea as aspiracións dos que alí queren chegar. San Salvador de Asma, (O Convento) con esa iconografía do románico pleno, vemos que a parte sur está completamente anulada por circunstancias que trouxo a Desamortización. Continuando por esa banda dereita, chegamos a Nogueira de Miño, con pinturas góticas que o Patrimonio do Bipartito comezou a restaurar, cando chegou á presidencia da Xunta o Sr. Feijóo foi suspendida e aí están agardando continuar o proceso,Secula seculorum. Chouzán e San Xoán da Cova, no municipio de Carballedo, con corredoiras moi difíciles de acceder a estas igrexas románicas, son outros dos puntos que priorizan desfeita.

Na banda esquerda do Miño, temos que cuantificar esa depredación en San Estevo de Ribas de Miño, nesa arcada mateana apreciamos a ruptura dos arcos do frontis, quizais por un movemento sísmico, que leva anos pedindo auxilio sen que Patrimonio se entere. O mais escandaloso é a igrexa de Diamondi, con esa casa rectoral do século XVIII adosada a templo, que moitos se empeñan en chamarlle palacio, esa fachada derrubouse, xa vai para tres anos, e ninguén se pon de acordo para restaurala ou derrubala. A tal finura de decadencia tapárona cun enorme lona azul que se observa desde varios puntos da comarca de Chantada. Un grande escándalo diante dun dos monumentos mais visitados de Galiza seu estado de decadencia magoa sensibilidades. Aquí móstrase o pudor que hai por quen rexe organismos que deben tutelar tecnicamente o proceder de mantemento. Diamondi é unha mostra ben clara do que acontece co noso románico noutras xeografías de Galiza.

Galicia Hoxe, 4 de xuño de 2012.